Quantcast
Channel: As crebas
Viewing all 307 articles
Browse latest View live

«A Pondal», de Gonzalo López Abente, o primeiro epicedio no pasamento do bardo pontecesán

$
0
0




Hai cen nos, tal día coma hoxe, e tan só tres días despois do pasamento do bardo pontecesán Eduardo Pondal o poeta muxián Gonzalo López Abente escribía o primeiro epicedio ou composición lírica na súa lembranza. O texto vería a luz unhas semanas despois, pois o poema «A Pondal» vai ser publicado por A Nosa Terra, 15, 10 de abril de 1917. Porén, a familia conserva un manuscrito, datado un mes antes «Muxía, 10 – Marzo 1.917», acompañado da sinatura autógrafa e sen a cita dos versos de Queixumes dos pinos. O manuscrito presenta numerosas enmendas, entre elas o trazo de Gonzalo López Abente elimina a estrofa que poñemos entre paréntese.

A PONDAL

Dend’o chan de Bergantiños

«Neste despoxo oscuro,
Algo d’insigne eu miro;
N’él vexo, un non sei qué,
De grande e de divino;
Cal astro que tuvera antigamente,
Un resprandor altivo;
Algo de somellante n’él contempro,
A un luceiro extinguido…»
(De Queixumes dos pinos).

Ouide ao mais cativo
dos fillos de Breogán,
que os doentes queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.
_____

«Virxen válme! Un cadavre!»
os ecos repetino
pol-as esquivas gándaras
do chan de Bergantiños.
«Virxen válme! Un cadavre!»
marmularon-os pinos
c’o medoñento son
de penados espíritos.

Un cadavre! berrano
os corvos montesíos,
erguendo de antre as uces
o seu voyo fatídico.
As correntes lixeiras
dos cantareiros rios,
cantano tristemente
un funeral dôrido;
y-as furnas, fondas, negras,
remexeron no abismo,
c’os tombos escumantes do mar bravo,
temerosos muxidos.

Cubrínose de brétemas loitosas
os dous fachos altivos:
—facho de Touriñán
e facho de Lourido;—
vixiantes soberbos
do noso chan querido
onde van aniñaren
de noite os mazaricos.

(Ouide ao mais cativo
dos fillos de Breogán,
que os dôridos queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soaron
os cantos valerosos de Pondal.)

Pobre terra de Xallas
por onde o Bardo amigo
cruzóu cando estudeante
calado e pensativo;
¿por qué tan triste o vento
funga nos toxos hirtos?
¿Qué tendes? ¿Qué decides?
¡Un morto!… ¿Quén morrío?
Y-a fada de Rouriz
berróume nun sospiro:
—Foise Gundar, o nobre fillo d’Ouro;
morréu Gundar, o meu amado fillo.
______

Ouide, ouide todos
a un fillo de Breogán,
que os doentes queixumes
respetoso vos trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.
______

Rouriz e Morpeguite
con falar compunxido,
co-as guedellas revoltas
e das bágoas nos ollos o rebrilo,
dixénome: —Pois tí,
que inda nas veas tes sangue do estinto,
pol-o amado dos celtas
un canto entoarás tenro e dôrido.
¿Mais onde a inspiración
ha de hachar un cativo
parente de Gundar,
anque o peito afrixido
y-atormentado teña?
E Morpeguite dixo:
—Repetide o que oyéu
a boa Bergantiños.
Y-é verdade que n-hai
outro falar mais dino
que aquel falar valente
do noso Bardo estinto:
Ouide, pois, ouide,
o que oyéu Bergantiños:
«—Neste despoxo oscuro,
algo d’insigne eu miro;
N’él vexo, un non sei qué,
de grande e de divino;
cal castro que tuvera antigamente,
un resprandor altivo;
algo de somellante n’él contempro
a un luceiro extinguido…»

____

Est’é o que ven decirvos
un fillo de Breogán,
c’os doentes queixumes
que respetoso trai
da terra en que soáron
os cantos valerosos de Pondal.

Muxía-III-1917


Efeméride: A entrada de Gonzalo López Abente no Seminario de Estudos Galegos (SEG)

$
0
0

Tal día coma hoxe, hai 91 anos, Gonzalo López Abente fai a súa entrada no Seminario de Estudos Galegos (SEG) cunha lectura de poemas, conxuntamente con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo:

«O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio».

O investigador Alfonso Mato no seu estudo sobre O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento (2001) publica unha foto de socios e colaboradores do SEG na IIª Xuntanza Xeral da Institución, celebrada en Santiago de Compostela, no Salón de Actos da Sociedade Económica, nese 14 de marzo de 1926, na que aparece López Abente.

Na altura o poeta muxián xa tiña unha obra consolidada, pois publicara os libros de poemas Escumas da ribeira (1911?), Alento da raza (1917?) e Do Outono (1924), anunciado xa na derradeira páxina de Alento da raza co título Froles d’Outono. Sonetos, alén de Bretemada (1917-1922), un libro que ficou inédito, mais que non era totalmente descoñecido e que recobramos en 2011. Para as cuestións ecdóticas e a análise deste poemario: Cfr. López Abente, Gonzalo, Bretemada (1917-1922), Edición de Miro Villar, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora, col. Rescate, 2011, páxs. 54-60.

E xa escribira tamén as súas novelas curtas ou relatos O diputado por beiramar (1919), O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926), así como a obra teatral María Rosa; Comedia en dous pasos (estreada en 1921, aínda que publicada en 1928).

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial da Poesia, 2017 (Versión galega)

$
0
0


(Henry Wadsworth Longfellow no seu estudio)

Neste 21 de marzo do 2017, Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da mensaxe da súa Directora Xeral, Irina Bokova. E como tamén fixen noutros anos anteriores, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. Os subliñados en negra son da miña autoría.

We have not wings, we cannot soar;
But we have feet to scale and climb
By slow degrees, by more and more,
The cloudy summits of our time.

(Non temos ás, non podemos elevarnos,
mais temos pés para gabear e escalar
paso a paso, máis e máis,
os nubosos cumios dos nosos tempos).

Nunha época na que os retos aos que nos enfrontamos, desde o cambio climático, a desigualdade e a pobreza ata o extremismo violento, semellan tan inxentes, as palabras do poeta Henry Wadsworth Longfellow achégannos esperanza.

Composta de palabras, corada con imaxes, tanxida coa métrica perfecta, a poesía ten un poder singular. O poder de arrincarnos da vida cotiá e de lembrarnos a beleza que nos rodea e a resilencia do espírito humano que compartimos.

A poesía é unha fiestra á diversidade excepcional da humanidade. Na Listaxe Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO inclúense decenas de formas de expresión oral e poesía, desde o desafío poético Tsiattista de Chipre ou a poesía cantada Ca trù de Viet Nam ata Al-Taghrooda, a poesía cantada tradicional dos beduinos dos Emiratos Árabes Unidos e Omán. A poesía é tan antiga como a linguaxe, e nos períodos turbulentos é máis necesaria que nunca, como fonte de esperanza, como maneira de partillar o que significa vivir neste mundo.

O poeta Pablo Neruda escribiu que «la poesía es siempre un acto de paz». A poesía é única pola súa capacidade de falar a través do tempo, o espazo e a cultura, de chegar directamente aos corazóns das persoas de todo o mundo. Nun manancial de diálogo e entendemento e foi sempre unha forza para desafiar a inxustiza e promover a liberdade.

Como dixo Deeyah Khan, Embaixadora de Boa Vontade da UNESCO para a liberdade e a creatividade, todas as formas de arte, incluída a poesía, «teñen a capacidade extraordinaria de expresaren resistencia e rebelión, protesta e esperanza».

A poesía non é un luxo.

A poesía é unha parte esencial de quen somos en canto que mulleres e homes que vivimos xuntos no presente, valémonos do patrimonio das xeracións pasadas e somos custodios do mundo para os nosos fillos/as e netos/as.

Hoxe, ao celebrar a poesía, celebramos tamén a nosa capacidade de unirnos nun espíritu de solidariedade para gabear e escalar «os nubosos cumios dos nosos tempos». Necesitamos facelo para levar adiante a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, para aplicar o Acordo de París sobre o Cambio Climático, para asegurármonos de que ningunha muller nin home fique atrás.

Irina Bokova

Artigo en QPC (XXIII): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente

$
0
0


(Capa de Luís Seoane para Decrúa)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para facer unha lembranza do 139 aniversario do natalicio do escritor e académico muxián Gonzalo López Abente. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía o 24 de marzo de 1878 segundo conta nunha das cartas dirixida ao seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que reproduce un fragmento no seu prólogo á edición póstuma do libro Decrúa. Poemas (Buenos Aires: Ediciones Muxía, 1966), que leva o seguinte colofón: «Se terminó de imprimir el 11 de julio de 1966, en la Imprenta López, Perú 666, Buenos Aires, República Argentina».

As imaxes que acompañan este artigo testemuñan a xenerosidade da nosa emigración, pois proceden dun exemplar da miña propiedade co que me agasallou en maio de 1992 G. Quintela Novoa, Secretario Xeral do Instituto Arxentino de Cultura Gallega, dependente do Centro Gallego de Buenos Aires, cando eu andaba a preparar a Antoloxía Poética de Gonzalo López Abente, por iniciativa do amigo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez e que se publicou en 1995 nun convenio entre a editorial Espiral Maior, que dirixe aínda hoxe o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, e a alcaldía do concello de Muxía, na altura presidida polo nacionalista Xoán Bautista Pose Paz.

O texto de Horacio Bermúdez Abente ao completo (nunha das imaxes) está escrito como se fose unha carta, aínda que Gonzalo López Abente finara case tres anos antes, en Muxía, o 23 de xullo de 1963. Velaquí:

ADRO

NOTICIA

Curmán Gonzalo: Tíroche hoxe estas liñas ao alen onde ficas xunto aos teus maores Pondal, Rosalía e Victorino Abente como estes o estiveran baixo un mesmo teito pasando as festas da Barca do 1853 naquel Muxía que inspirara, á segunda dos nomeados, a novela “La hija del mar” e o poema tiduado “Nosa Señora da Barca”, e a tí, 25 anos mais tarde, alí virache nascer, segundo o contas nunha das cartas que de tí avaro gardo onde dis: “… un dia coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 âs catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos a vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un martir con brazos en crús. Aquel dia escoitei a rapsodia mais sobrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…”

Tíroche, digo, estas liñas, pra sô decirete que como obedecendo a un desinio de Deus viñeno a parar as miñas mans as cuartelas orixinaes deste libro póstumo, folliñas voandeiras de ti, home de sona, saídas, para as dar á lús, o que me tocou a min faguer por imperativo de concencia fidel a aquel desinio, pra non espoñelas ô risco de que se perderan, vallan o que valeren, pras letras da Terra a Nosa.

HORACIO BERMÚDEZ ABENTE

Para profundar na biobibliografía do poeta muxián pódese consultar no apartado «A vida» da Introdución a López Abente, Gonzalo, Bretemada (1917-1922), Edición de Miro Villar, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora, col. Rescate, 2011, páxs. 15-37; e no apartado «Biografía» da Introdución a López Abente, Gonzalo, A narrativa mariña, Edición de Suso Sambade Soneira, Vigo, Edicións Xerais, col. Biblioteca das Letras Galegas, 2012, páxs. 9-22.

A respecto dos seus proxenitores sabemos que seu pai, Francisco López García, capitán da mariña mercante ao que se lle concedeu ao retirarse o grao honorario de tenente de navío, foi durante varios anos alcalde de Muxía e durante dúas décadas o xefe do Partido Liberal na localidade. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do prestixioso médico Leandro Abente Chans, irmán da nai do poeta Eduardo Pondal, polo que os dous autores tiñan parentesco.

(Na que foi a miña primeira morada como estudante compostelán recibín o envío desde Bos Aires)

Gonzalo López Abente no «Álbum das Irmandades» do Consello da Cultura Galega

$
0
0

Cadrando co 139 aniversario do natalicio do escritor muxián Gonzalo López Abente, o sitio web do Consello da Cultura Galega vén de publicar a anotación biobibliográfica que (re)elaborei por indicación de Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do proxecto Irmandades da Fala para o Consello. Velaquí a entrada relativa a Gonzalo López Abente, que tamén se pode ler nesta ligazón.

Gonzalo López Abente (Muxía, 24 de marzo de 1878 – 23 de xullo de 1963)

Coñecido polos seus coetáneos como «o poeta do mar», con especial relevo na súa relación coas Irmandades da Fala

Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía segundo confesa nunha carta a seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no limiar á obra póstuma Decrúa (1966): «[…] un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…». Seu pai, Francisco López García, foi alcalde de Muxía e xefe local do Partido Liberal. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do médico Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal.

Estuda en Santiago, como conta Otero Pedrayo: «ós nove anos levárono a Compostela a se dispór pra o Bacherelato que enteirou ós 15 anos o 22 do san Xoán do 1893», e remata Dereito con 21 anos, o 20 de xuño de 1899. Regresa a Muxía para traballar nunha entidade bancaria e a súa sinatura faise habitual na prensa comarcal e local, El Celta de Corcubión e El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, do que foi director-propietario.

Casou o 20 de setembro de 1909 coa súa curmá Balbina Abente Myszkovski, filla de Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai, onde é considerado poeta nacional. Enviuvou ao ano no primeiro parto da súa muller, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910.

Na altura principiou a colaborar con moitas revistas e xornais da prensa galega e da emigración (Arxentina, Cuba, Uruguai…), con versos que farán parte de Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?). Tamén publica as novelas O diputado por Beiramar (1919), que foi primeiro premio do certame de narrativa convocado por A Nosa Terra, editada como primeiro volume da «Bibrioteca Galeguista» das Irmandades da Fala, O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

O 11 de marzo de 1917 participa no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, presidindo o dó xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco, e o alcalde coruñés, Manuel Casás.

En 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título exposto na Casa das Beiras de Muxía, sede da Fundación López Abente, e que di: «Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919». Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Participa nos movementos nacionalistas políticos e culturais: únese á acta de constitución da «Hirmandá de Amigos da Fala» (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colabora no seu órgano de expresión, A Nosa Terra. López Abente representa a bisbarra nas Asembleas Nazonalistas, sendo un dos asinantes das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17-18 de novembro de 1918). Nas publicacións galeguistas aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922. Está entre os «irmáns galeguistas» que colaboran economicamente para a creación de futuras «Escolas do Insiño Galego» (A Nosa Terra, 192, 12-9-1923) ou para crear unha biblioteca galeguista: «O notabre poeta López Abente, enviounos tamén os seus preciados tomos de versos “Escumas da Riveira” e “Alento de Raza”» («Biblioteca da Irmandade», A Nosa Terra, 194, 1-11-1923).

Na ditadura primorriverista atopa refuxio na creación, cos relatos Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), anunciado na derradeira páxina de Alento da raza co título Os fidalgos de Vaosilveiro, así como os poemarios Do Outono (1924), anunciado co título Froles d’Outono. Sonetos, ademais de Nemancos (1929) e a obra de teatro María Rosa (1928), subtitulada Comedia en dous pasos, escrita moito antes, pois foi estreada o 20 de febreiro do 1921 polo grupo teatral do «Cadro de Declamación» das Irmandades da Fala da Coruña.

Ingresa no Seminario de Estudos Galegos (SEG) con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: «O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio».

Vicente Risco en 1928 facía este retrato: «É un home estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita de gran señor. Ten viajado moito, estivo na América e percorreu case todo o Norte da Europa. Poida que aínda teña estado en máis sitios, mais non se sabe, pois il raramente fala dos seus viajes. Vive en Mugia, frente ao imenso Atlántico, e é o millor poeta do mar».

Participa na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, coa delegación de Muxía, segundo informa El Orzán (27-IV-1930), e meses despois figura entre os asinantes da creación do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931 en Pontevedra.

No Día da Patria Galega, 25 de xullo, de 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, e o 24 de xullo de 1935 á homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento n’A Coruña, na que falaron Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.

O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elixido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única elixida por aclamación.

O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, cronista gráfico da historia da Costa da Morte, fotografouno arengando os seus veciños no Cabo da Vila na campaña a prol do Estatuto de autonomía de 1936.

A sublevación militar contra o Goberno democrático da II República provoca a depuración do poeta da súa vida laboral. Este documento foi exhumado por Luís Lamela García en Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998).

O franquismo silenciou durante varios anos a López Abente, que se refuxia, coma outros galeguistas, na creación literaria. Otero Pedrayo escribe «Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940». O seu discurso de ingreso como académico numerario, presentado no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal e foi publicado póstumo pola RAG en 1965.

López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca. Oito anos despois, o 17 de maio de 1971, a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e o acto académico en Muxía contou coa colaboración do Concello. No paseo do peirao, no xardín da Cruz, foi descuberto un monumento do escultor Andrés Barbazán, simbolizando unha muller mariñeira que leva un medallón coa efixie do poeta e a lenda «Ao esgrevio poeta Gonzalo López Abente. 1878-1963. Día das letras gallegas, 15-5-1971». Tamén se presentou a publicación realizada pola Academia, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), do libro de poemas inéditos Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nesas datas, Galaxia reedita O novo xuez, cun breve limiar biobibliográfico. Carballo Calero e Otero Pedrayo escriben senllos artigos de homenaxe que publican a Universidade de Santiago e o Boletín da RAG.

Trinta anos despois, o 29 de xaneiro de 2011, naceu en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para divulgar a súa obra. De feito xa recuperou o seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades.

Artigo en QPC (XXIV): Paco Souto, in memoriam

$
0
0

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para facer unha (re)lembranza do poeta Paco Souto. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Paco Souto, in memoriam

Demudado aínda o rostro e case sen palabras aínda que testemuñen a dor pola morte do amigo xeneroso e camarada da palabra Paco Souto, o Poeta, percebeiro e incansable activista cultural, que amou inmenso o mar, ese mesmo atlántico que lle reclamou como tributo a súa vida o 30 de marzo de 2017. Na súa memoria recupero unha anotación desta bitácora, publicada o pasado 14 de setembro de 2016, onde o propio Paco fala con paixón dos seus dous oficios, poeta e percebeiro.

Sirva esta gravación audiovisual para testemuñar que Nós nunca esqueceremos nin a túa afouteza nin a túa amizade.

Velaquí a devandita anotación:

O poeta Paco Souto a ensinar o seu oficio de percebeiro e a Costa da Morte nun fermoso documentario da televisión austríaca

O último día de agosto de 2016 apareceunos na caixa do correo electrónico unha mensaxe do amigo poeta Paco Souto, no asunto indicaba «documental de Peter» e acompañando a ligazón a un video na canle de youtube unhas breves palabras: «Este é o docu que fixemos en Agosto pasado. De momento só en alemán. Sintoo. Apertas».

En efecto, trátase dun documentario elaborado e emitido pola canle 2 da televisión pública austríaca (Produktion des ORF), baixo o encabezamento «Universum Wildes Spanien» (Universo da España Salvaxe, coido que se pode traducir así), que foi publicado o 18 de agosto na canle de youtube do documentalista Nino Wurm.

Na hora e media de duración deste excelente documentario, que ten unha fotografía fascinante, son moitas as imaxes de Galiza que se proxectan e nelas non podía estar ausente a Costa da Morte. No caso de non terdes paciencia ou tempo dabondo para visionardes todo o documentario, permítome aconsellarvos que o fagades entre o minuto 6:30 e o 14:30, de maneira especial a partir do minuto 11:00 no que aparecen unhas espectaculares imaxes de Paco Souto no seu oficio de percebeiro e explicando o seu labor á cámara, aínda que a tradución ao alemán superposta non nos permite escoitar a súa propia voz.

Tamén a partir do minuto 26:30, sempre aproximadamente, fálase do camiño de Santiago de Compostela na súa prolongación até Fisterra e novamente sairán as imaxes e a voz de Paco Souto, desta volta facendo un «lanse» de cana desde a costa.

Malia algúns tópicos que coido adiviñar no relato, o certo é que o documentario é excelente, aínda que só for pola beleza das imaxes, así que o recomendo vivamente.

Para complementar todo isto recupero un fragmento doutra anotación anterior do 1 de novembro de 2011.

Paco Souto, que logo de varios oficios, está vivir en Malpica de Bergantiños e a traballar moito en tarefas do mar, coma a dura e impresionante do percebeiro. Seu é ese fermosísimo poema intitulado «Furtivos», máis coñecido polo seu primeiro verso «A percebeira é unha illa», que se pode escoitar na súa propia voz (nesa dición sempre magnífica da que tanto aprendemos) na canle youtube e que eu coñecín através do dixital Quepasanacosta. Con outra xente, Paco Souto está detrás tamén da bitácora cultural percebedemalpica (hoxe en día inaccesible) e da canle do mesmo nome en youtube. Nestas dúas páxinas tedes gravacións que nos achegan olladas para dignificaren o traballo dos percebeiros.

Velaquí a letra do poema de Paco Souto, pertencente ao seu libro Fado (1998), editado por Letras de Cal e que no portal poesiagalega.org podedes ler completo.

Furtivos

xunta Mesura

A percebeira é unha illa
A illa ten nome de peixe esquivo
E os homes van

A lanchiña que os leva é de pau de laranxo
a lúa é unha laranxa apodrecida
a lúa debuxa cadaleitos nas furnas
de entre os mortos nascen percebes

Os ollos vagos non ven
son as mans acoiteladas as que cachean os tetos
a rapa áxil

E logo a lonxa
E a viaxe à Coruña ou Madrid
E o prato na mesa
E o sal na boca

Ese sabor a sal na boca
como se a morte viñese cada nove ondas

Paco Souto

(Fado. Compostela: Letras de Cal, abril de 1998)

Recensión ao poemario A relixión do mar, de Xosé Iglesias Lamela, en Grial 213

$
0
0

No último número, 213 (xaneiro, febreiro, marzo do 2017) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai uns días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «A palabra poética desde dentro do océano» para dar conta do libro de poemas A relixión do mar, de Xosé Iglesias Lamela. Unha versión previa desta recensión viu a luz no dixital Que pasa na costa.

Por outra banda, este número, 213, está centrado en «Seis achegas a Carlos Casares. Letras Galegas 2017», asinadas por Ricardo Gurriarán, Xosé Ramón Quintana, Antón Baamonde, Dolores Vilavedra, Grial Parga e Carlos Fernández, alén de exhumar un inédito de Carlos Casares, reproducir unha conversa de 1980 e outros documentos de interese.

No meu caso tamén fixen unha lectura atenta doutros artigos como «Da poesía como representación. Vinte e unha teses en resposta a Xavier Seoane», de Carlos Lema, «Emigración e exilio alén e aquén mar», de Xosé Ramón Quintana, «A nosa terra é nosa! O universo das Irmandades da Fala», de Prudencio Viveiro Mogo ou «Retrato de grupo de presos políticos na universidade de Alcalá. 1946-1949», de Ramón Villares.

Velaquí a miña devandita recensión ao completo:

A palabra poética desde dentro do océano

A relixión do mar

Xosé Iglesias Lamela

Gondomar: Instituto de Estudos Miñoráns, 168 páxinas

O mariñeiro e poeta ou poeta e mariñeiro Xosé Iglesias Lamela (Cee, 1974) asina a súa segunda obra poética individual, despois de Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014), que desta volta leva por título A relixión do mar e que nos chega co aval de gañar o IX Certame de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns, entidade que publica os libros premiados. Tanto a celebración do concurso literario como a propia edición das obras forman parte, como se di no colofón, do abano de actividades coas que «O Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar promoven unha campaña para que Galicia lle dedique un Día das Letras Galegas a Victoriano Taibo».

As breves notas de presentación por parte da entidade e do alcalde de Gondomar dan paso a un ben interesante limiar «Versos trazados a cabalo das ondas do mar, pra enxergar o océano maior» que asina o arqueólogo Felipe-Senén no que lembra de inicio os motivos mariños no escudo deseñado por Castelao antes de se debruzar sobre a biografía e a obra poética de Xosé Iglesias.

E antes dos versos o propio poeta escribe un «Prólogo» na memoria do seu bisavó, Francisco Miguéns, o primeiro mariñeiro da estirpe, e tamén «polo amor que me dou e está a dar a súa filla, Lucía Miguéns», ao tempo que reproduce o poema que lle dedicou a ese «lobo de mar» en Transfusión oceánica. O libro ábrese con tres textos poéticos que tamén serven para explicar a forza espiritual do título: «Persignación», «Credo» e «Fe», todos tres con fortes estruturas paralelísticas como adoitan ser os textos dos devocionarios, concibidos para a oralidade.

E deseguida unha morea de poemas divididos en sete partes con cadanseu título. A primeira, «Rituais», conforma unha serie que ten como eixo a recollida de diversos costumes relacionados co mundo da pesca. Velaí a súa descrición da vella Lonxa da Coruña, O Muro, e das súas múltiples músicas, as poxas, as voces a relear os prezos do peixe…; velaí «BBC 198 Quilociclos», un poema que lembra o mítico parte metereolóxico que os mariñeiros galegos, mesmo sen saberen inglés, desencriptaban para combater as borrascas do Gran Sol e dos mares de Irlanda; velaí os versos que testemuñan o labor épico dos percebeiros e das redeiras, antes de rematar con «Rosa dos ventos», como xa fixera o rianxeiro Manuel Antonio no poema «Intencións» que abre De catro a catro.

«Construír un deus (Estaleiro)» xunta dezanove textos que suceden en terra, de feito o poeta confesa o maxisterio que recibiu dos carpinteiros de ribeira, nomeadamente de Francisco de Fra en San Cibrao. Acompañado dos debuxos precisos de Pablo Outón, Xosé Iglesias compila nestes versos toda unha vella sabedoría sobre a construción de barcos, que agranda o volume Tamén navegar. Escolma de poesía galega sobre carpintería de ribeira e embarcacións tradicionais (Toxosoutos, 2011), coordinado por Francisco Fernández Naval e editado para o X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrou en Carril. Algúns dos títulos dos poemas de Iglesias Lamela non deixan dúbida e fan lembrar aqueloutro magnífico de Avilés de Taramancos que se inicia co verso «Na outra banda do mar constrúen o navío». Velaí: «Chan de madeira», «Caderna mestra», «Quilla e roda», «Costelar», «Obra morta», «Obra viva» ou «Calafate», porque:
Construír un barco / É tallar na árbore a historia dun pobo

A terceira parte «Meridiano da noite» descóbrenos con intensidade todos os momentos da faena pesqueira desde que «Pola popa deixamos a luz / A porta da casa». E máis unha vez, pois xa sucedera con anterioridades na poesía de Manuel Rivas, o sinal de socorro Mayday mayday mayday volve a ser motivo poético.

«Mar antigo» xunta sete textos cos localización xeográfica precisa, a Costa da Morte, que no poema con este mesmo título fai unha homenaxe ao mestre José Baña Heim, autor de Costa de la muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, a primeira sistematización histórica que se fixo en 1980. En «Caneliñas» lembra as cofas dos baleeiros nos anos oitenta na ría de Cee e Corcubión e en «Deitado rente o mar» glosa os coñecidos versos de Celso Emilio Ferreiro, antes de rematar con «Torre de Hércules», o antigo faro que iluminou a milleiros de mariñeiros na costa coruñesa.

Máis breves son as tres últimas partes «Vela mística», «Forza 9-10» e «Estrela Polar» con poemas que reiteran fíos temáticos anteriores e entre os que sobrancea «Man de Camelle»: «Un home espido enxuga / nos cabelos a pel encoirada / Uns pés palmípedes corren / espidos polas rúas / Ninguén sabe da maxia do argazo».

O libro péchase co debuxo dun galeón das rías, unha longa listaxe de agradecementos e un «Glosario de termos mariñeiros» para servir de orientación a navegantes destes versos nos que o caudal de léxico específico é inmenso, como xa acontecía en Vogar de couse de Alexandre Nerium, outro poeta que tamén foi home do mar e que exerce o seu maxisterio como guía no Museo da Pesca de Fisterra.

A relixión do mar ben pode acompañarse dunha visita á suxestiva canle propia de comunicación poética e do saber da súa arriscada profesión no mar que Xosé Iglesias Lamela posúe en youtube (https://www.youtube.com/user/primerovillar),

na que se poden escoitar en alta mar e recitados coa súa propia voz algúns dos poemas deste libro e tamén de Transfusión oceánica, así como moitas imaxes sobre o seu arriscado e nada doado traballo, pois o poeta patronea un barco de baixura co que anda ao mar alén d’A Marola. Moito mar, moitos salseiros a correr polas veas das súas palabras.

Miro Villar

Convocatoria do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente

$
0
0

A Fundación Gonzalo López Abente, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, convoca o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente, en lingua galega.

1. Poderán concorrer ao IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados serán inéditos, condición que se estende ao soporte dixital, e non poderán estar premiados en ningún outro concurso de poesía.

2. A extensión dos textos non deberá ser menor a 400 versos.

3. De cada orixinal presentarase en sobre pechado sen remite tres copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas ou grampadas, antes do día 15 de Maio 2017, na sede da fundación:

Fundación Gonzalo López Abente

Rúa Virxe da Barca, 49. Casa das Beiras

15124 Muxía (A Coruña)

Indicarase no sobre “IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente”.

4. Os orixinais presentaranse baixo lema e xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá o nome e os apelidos do autor ou autora, enderezo postal, número de teléfono e enderezo electrónico.

5. O xurado estará composto por dous poetas de recoñecido prestixio ou dos expertos/as en literatura galega e un representante da fundación que actuará ademáis como secretario.

6. O premio terá una dotación única de 2.000 €, suxeito á normativa fiscal vixente, e máis unha peza escultórica conmemorativa. A obra premiada será propiedade do seu autor ou autora, agás a primeira edición, que será publicada por Edicións Xerais de Galicia. En posteriores edicións, ao igual que na primeira, farase constar a condición de premiada no IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente.

7. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.

8. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da fundación, previa solicitude, no prazo dun mes. Os que neste prazo non sexan recollidos destruiranse.

9. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e da interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este adopte nas súas funcións.

(Portada do libro gañador da anterior edición)


Artigo en QPC (XXV): «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón

$
0
0



(O pino de Corcubion, nunha fotografía publicada en Vida Gallega, 25-07-1924, e noutra imaxe posterior de 1927, recuperada por Jano Lamas)

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para (re)lembrar «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón, esa árbore senlleira e simbólica que tamén cantou o vate Gonzalo López Abente, como xa lembramos nestoutra anotación. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

«O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón

Xervasio Paz Lestón naceu en Serantes, na parroquia de Moraime (Muxía), o 23 de outubro de 1898, no seo dunha familia de labregos (os Xalleiros). Foi á escola que nas Casas Novas tiña Martín Liñeiro, un emigrado que lle ensinou os versos de Curros Enríquez. Con 12 anos emigrou á Arxentina, onde traballou no almacén que seu pai e seus irmáns máis vellos tiñan en Bos Aires. Nesta cidade casou en 1928, con María Sara Narbaiz, da que tivo un fillo, Juan Gervasio Paz Narbaiz (quen nos facilitou a maioría dos seus poemas, algúns deles manuscritos e mecanoscritos). Fóra dunha moi breve estadía de oito meses en Galicia, entre xullo de 1925 e marzo de 1926, non voltaría á Terra, aínda que nunca a esqueceu e así nolo testemuñan os seus versos. Paz Lestón morreu na capital arxentina o 23 de outubro de 1977, o mesmo día que facía os 79 anos.

Participou nas organizacións de emigrantes que daquela existían. Primeiro, e desde 1928, foi un destacado colaborador da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, na que ocuparía diferentes cargos, chegando a dirixir o seu Boletín. Nesta revista publicou poemas e artigos de opinión, quer asinados co seu nome, quer cos pseudónimos Xalleiro (alcume familiar), Alma Nobre ou Buserán. A entidade muxiana nacera como unha escisión da Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión (coñecida como ABC) e ambas mantiveron duros enfrontamentos. Paz Lestón foi dos que máis defenderían a fusión, feito que acontece en 1938, cando a entidade muxiana aproba integrarse na ABC. Nesta chegará a ser director do seu voceiro, a revista Alborada, ao morrer Antonio Díaz Novo en 1944, e ocupa o cargo ata 1966. Nela publicou a maioría da súa obra poética, asinando co seu nome ou cos pseudónimos Xulián de Moraime, Labrego Profundador, Bieito e Xallas, Pau de Ferro, Buserán, Gundariño, Masuno, Nerio ou Roxo de Porcar.

Non publicou ningún libro, pero na obra A poesía de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo (Edicións do Castro, 1998) exhumei un corpus importante de poemas: 183 en galego (130 publicados e 53 inéditos) e 60 en castelán (35 publicados e 15 inéditos). A maioría apareceron en Alborada, outros en A Nosa Terra (Exilio, Bos Aires), Galicia (Bos Aires), Correo de Galicia (Bos Aires) ou no Boletín (voceiro da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, Bos Aires), e algún foi reproducido en Vida Gallega (Vigo). O primeiro que puidemos datar é de xaneiro de 1924 e o último de agosto de 1972.

No seu rexistro poético abrangue moitos temas, como a liña civil ou social, o amor e o intimismo ou unha certa angustia existencial, mais tamén o tema costumista, evocando festas, romarías ou labores típicos da Galiza labrega e mariñeira da súa infancia. Sobre o desaparecido pino de Corcubión, que xa cantara Gonzalo López Abente, escribiu dous poemas: «Pino de Corcubión», publicado na revista Alborada, nº 123, xaneiro a marzo de 1944, e asinado co pseudónimo Bieito de Xallas. E outro, escrito seis anos despois, intitulado «Ao Pino de Corcubión (Elexía)», do que existe un mecanoscrito, mais non temos constancia de que fose publicado, aínda que é posible, dada a fragmentación das coleccións de moitas revistas da emigración. Velaquí ambos e dous poemas:

Pino de Corcubión

(Especial para Alborada)

Pino de Corcubión,
vello, murcho, desgallado,
que n-o esprito d-o emigrado
provocas doce emoción;
¡conque ansias d-o corazón
quixera verte outra vez
antes que a triste vellez
deixe seus osos galdados!…
¡Como despertas amados
recordos da ida nenez…!

Moitos feros temporales
deixaron n-o teu ramaxe
do seu encono salvaxe
mil destruitoras siñales;
mais si as furias infernales
desatan os elementos
que arrincan tristes lamentos
de todo canto ten vida,
ti, coa nobre testa erguida,
soportas teus sofrimentos.

Símbolo do chan gallego,
cal él es forte e sofrido;
medras en lugar despido
igual que en horta de crego;
non buscas vivir de achego
coma cen prantas vizosas,
sinon en terras pedrosas
da montana ou veiramar
donde os ventos fan soar
tuas froumas rumorosas…

Pino de Corcubión,
embrema santo e querido
para os fillos do partido
que aman nosa institución;
¡con feliz ouservación
te souperon adoitar!
¿quén mellor pode evocar
o noso chan pelegrino
que a visión d-un forte pino
ergueito n-a veiramar?

Ao Pino de Corcubión

(Elexía)
______

Pino de Corcubión
que cantei xa fai seis anos
sin soñar que nos arcanos
a impía morte, a traición,
te asexaba o corazón
con asesiño machado:
pra o comarcán emigrado
que venera o chan galego
sexa aldeán ou vilego
teu nome será sagrado.
______

Probe letra a do cantar
que o direitor de “Alborada”
leeu sin vel-a imprentada,
pois quixo a Parca segar
tamén sua vida eixemprar,
a traición e de repente;
cantar que lle trouxo â mente
cô teu recordo evocado
un ido mundo chorado
con tristes ollos de ausente.
______

Coma si un presentimento
fadal algo lle anunciara,
había unha pena rara
na emoción do seu acento,
que enloitaba seu contento
cada vez que se falaba
de que algún mortal voltaba
a vel-o chan recordado,
hoxe opreso i aldraxado
¡e que él ver libre soñaba!…
______

Vello pino, xa caído
coma o nobre irmán Antón:
na A.B.C. de Corcubión
serás o emblema escollido
sempre amado e benquerido
de todo bo comarcán,
con Díaz Novo, un paisán
que â tua soma xogou
e na A.B.C. traballou
con costancia de azacán.
______

Vos morrestes, mais quedaron
pintadas vosas figuras
simbolizando as máis puras
esencias dos que forxaron
a institución que soñaron,
poñendo esforzo e pasión:
¡florilexio de emoción
que as nosas almas perfuma;
farola que nos aluma
as somas do corazón!


A destrución de Gernika en dous poemas de Antón Zapata García

$
0
0


(Fragmento da portada de L’Humanité. Organe central du Parti communiste français, nº 14012, 28/04/1937/04/28. De dominio público na Bibliothèque nationale de France)

A pequena biobibliografía de Antón Zapata García (1886-1953), en catro páxinas, escrita por Alberto Vilanova Rodríguez foi durante moitos anos a mellor aproximación á vida e á obra do poeta de Laxe. A maioría dos datos que deu a coñecer nese traballo pioneiro son aínda hoxe fundamentais á hora de afondar no estudo do poeta. Con todo, hoxe podemos poñer en cuestión algúns aspectos, nomeadamente algún dos seus parágrafos finais, nos que Vilanova afirma:

Zapata falleció en Buenos Aires el 21 de junio de 1953. Dejó inéditos un poema dedicado a la destrucción de Guernica y muchas fichas para un “Diccionario vasco-castellano” en el que llevaba trabajando varios años.

O devandito poema, escrito en castelán e intitulado «Elegía a la Maite Guernica», apareceu publicado en Noticiero Español, nº 373, Bos Aires, 23 de xaneiro de 1938), acompañado ao final dun breve “Vocabulario vasco y su traducción”. Vilanova ben puidera estar referíndose a este texto e a este traballo de compilación lexicográfica, pois non temos ningunha noticia da existencia do proxecto de Dicionario ao que fai referencia. A reprodución conservada no Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega non permite ler a palabra incompleta do encabezamento, aínda que ben puidera ser Madre.

Antes deste texto a destrución de Gernika xa se cita no longo romance heroico antifascista, desta volta en galego, intitulado «¡¡Cristialobos!!…», do que coñecemos dúas versións. A primeira apareceu no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 535, 12 de setembro de 1937 (de aquí foi compilado por Fernández Rodríguez, Manuel (2006). Poemas pola memoria (1936-2006). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 118-121), e publicouse precedido dun debuxo sen asinar, que representa a dous lobos enfrontados a unha cruz. A segunda versión apareceu meses despois en España Republicana, Bos Aires, nº 423, 11 de xuño de 1938.

O poema abonda na condena dos crimes do franquismo, desta volta incorporando ao discurso a denuncia da intervención italiana e xermana: “os Rómul-Remos —lobos— i-os teutónicos / os que invadindo a Hespaña, traicioneiros”, ademais dos norteafricanos e da igrexa, que son novamente citados como cómplices do masacre. É, sen dúbida, o texto que utiliza unha linguaxe máis dura e forte nas acusacións, que principia sinalando a procura dunha verba que resuma todo, porque todas as palabras están esgotadas, e remata: “¡¡vel-haí têndes a verba que arelaba / pra máis ametrallarvos!! ¡¡¡Cristialobos!!!…”, un neoloxismo de invención propia que vai utilizar noutras composicións. Porén, este longo poema pode resumirse neste verso, que indica ben ás claras a fonte da súa inspiración: “¡O feixismo, en Guernica, superóunos!…”.

Velaquí ambos e dous poemas ao completo:

¡¡CRISTIALOBOS!!…

I
Ando buscando sempre unha parola
que teña máis valer que decir: ¡monstro!
unha parola que non sexa: ¡crime!,
unha parola que non diga: ¡noxo!…

Unha parola busco —¡xa fai tempo!—
pra condenal-os crimes dos faiciosos,
pra condenal-os fillos d-unha lumia:
¡os Rómul-Remos —lobos— i-os teutónicos

os que invadindo a Hespaña, traicioneiros,
—¡na Abisinia e na Bélxica vils dougos!—,
non pensaron, côs Xudas Iscariotes,
que os Imperos non campan dos histriónicos!.

II
Non é, ¡non é!, a verba qu-eu arelo,
poider decir, berrándolle: —¡Petouto!—
a quen, poidendo, moito ben facere
fala do vaticán, e… ¡siga o choio!

Ê un algo terríbel que non hacho
no lenguaxe varil dos bardos nosos,
algo máis forte que, a Xehová, chamarlle
—¡Fillicida!, ¡protervo!, ¡paranoico!…

Un algo formidábel, despiadado:
Un ¡ACUSO! ferós, teratolóxico,
como a verba trenante de Isaías
restalando lostregos apostróficos!…

III
Eu fálovos do crime máis horribre
que non tên comparanza en ningún povo.
¡Algo eisí como un negro catacrismo
sideiral, de espanto mitolóxico!

Algo eisí como o istinto neroniano
que ollar quixo na entrana que enxendróu,
algo eisí como Herodes degolando
ôs probes inoscentes… ¡por un solio!

Algo eisí como cando Xesucristo
sofréu as vils cuspidas sobr-ô rostro:
¡As gárgolas desfeitas, dos empireos
e dos mares galgantes o balbordo,

soio poden falar de tal vileza,
furacando nos tímpanos dos xordos!:
¡Tornarán as cuspidas da inominia
âs faces espantadas dos seus donos!…

¿A pánica pavura apocalíutica?;
¿o Dioivo enxendrando maremoltos?;
¿o fogo devourando ôs numantiños?;
¡O feixismo, en Guernica, superóunos!…

¡Superóuse o feixismo, asesiñando
de Galiza ôs seus fillos lumiñosos!
¡superóuse na rexa Eistremadura
i en Madride invencíbel dos heroicos!…

IV
Non son de Atila os homes bestizados
oubeando, na Europa, como lobos:
¡Aquéles inda tiñan varonía!:
¡Son os mouros!, ¡os mouros!, ¡¡son os mouros!!

Son os fillos de… ¡Alá!, ôs que Sant-Iago
—o Nobre Pelengrino, o Dolce Apóstolo—
escorrentóu d-Hespaña, con parábolas,
e, agora, ¡os seus verdugos!, fan arrolos

e as Pilaras espúreas, desleigadas,
que visten de feixistas —¡marimonos
e mulas do pesebre contra Cristo!—,
soio arelan seus brazos impetosos…

Son os fillos de Franco e Torquemada
alcendendo as fogueiras dos oprobios:
¡a ruíña d-Hespaña diante ô mundo,
benzoada cô cuspe dos hisopos!.

V
¡Xurdiron, co-a traición, os Anti-Cristos
pra trocar Libertade en Manicomio!:
¡non pensar nin siquera que s-ê xente,
nin gruñar tan siquera como os cochos!

Non ser xente: ¡ser besta de espelunca!…
Non têr verbas nos beizos: ¡sô ferrollos!…
¡A calar!, ¡a calar!, ¡como as Esfinxes!:
¡C-ô silenzo das pedras e dos mortos!…

¡A calar!, ¡a calarse!… ¡que non ouzen!:
—¡Xa volve o Santo Oficio, c-ôs faiciosos!…—
¡Non chorar pol-os deudos, ¡tan siquera!,
nin axuda prestarlle ós probes horfos!…

Non ollar que a Alborada vai chegando
dos Dereitos Demócratas do Povo,
que a Hespaña oferdarán como tributo
os Novos Espartacos xenerosos!…

Mentras chega —¡xa van os Cirineos
co-a Crus da Libertá ceibando promo!—,
¡¡vel-haí têndes a verba que arelaba
pra máis ametrallarvos!! ¡¡¡CRISTIALOBOS!!!…

ELEGÍA A LA MAITE GUERNICA

A la eximia [***] de Mújica.

Como una madre muerta
—cruelmente mutilada
por un odio feroz que nadie explica
porque era un arca santa siempre abierta
de par en par, jesucristianamente
al generoso dar jamás negada
y a la caricia cierta—,
¡así yace GUERNICA
ametrallada ignominiosamente
por la saña de MOLA!:
¡Completamente sola
en medio a la campiña desolada,
también ametrallada,
cobarde, impunemente!…
* * *
Por los prados, plantíos y jardines;
por el florido huerto
—que afloraban sonrisas
para la gente suya y forastera—,
ya los céfiros no afinan sus violines
ni, tampoco, las brisas,
de sus “chistus” entonan el concierto
en ágiles “aurrescus” y “arcudanzas”,
en efusión pueblera,
trenzando la inocencia con las risas,
“zorcicos”, “ariñaris” y esperanzas:
¡Sólo dicen que ha muerto
la ciudad venerable del eusquera!…
* * *
Por medio a sus ruinas,
anda el alma de AITOR, llorando duelos
al ver despedazados, por los suelos,
—por la asesina garra
de fascistas halcones—,
los amplios ventanales y balcones
que supieron amar las golondrinas
con tiernas melopeas
de una “goixeco izarra”,
los techos de las clásicas “echeas”,
los templos donde oraron mis abuelos
y el roble que dictó la LEGUE-ZARRA!
* * *
Anda el alma de AITOR —¡el Padre Ibero!—
ensombrecida del tamaño ultraje
del negro bandidaje
al sacrosanto Templo de su Fuero,
en los ojos brillándole el coraje
de un noble corazón, valiente y puro,
y en la diestra el acero
señalando el Futuro…
¡Todo es luto y tristeza
donde ha sido la gloria de Vizcaya!…
El ánima de AITOR —¡el buen AITOR!—,
el vasco de una pieza,
no implora ni desmaya:
Tan sólo un estertor
de contenida furia
se expande en su redor…
¡mas no profiere injuria!…
Hincada ante la noche y los escombros,
destoca de la boina la cabeza
—¡que un halo santifica
derramado en sus hombros!—,
y, por sus muertos, reza,
¡¡llorando por GUERNICA!!…
* * *
Después, entre las ruinas —cuando el viento
avanza de las cumbres del AMBOTO
y atraviesa las calles escombradas
y de sangre leal santificadas
(¡la sangre de millares de inocentes!),
para expresar su trágico lamento,
en eúsquera remoto,
por los hijos y bienes ya perdidos,
por las más buenas gentes
de la ciudad de leyes más sagradas
que al orbe dió el humano—,
¡tan sólo, persistentes,
dolientes,
gemebundos,
se escuchan, penetrantes, los aullidos
de los pobres “chacurras” vagabundos
—¡los humildes “chacurras” perseguidos
del invasor villano!—,
llamando en vano, ¡en vano!… ¡en vano!…
a sus dueños por siempre ya extinguidos!…
* * *
Ha de llegar un día
—¡GUERNICA, madre mía!—,
que hemos de ir todos, alentando o muertos,
a rendirte doliente pleitesía
—¡tú, que te hallas tan sola!—
en donde más sufriste por ser buena:
En tus casa y templos, en tus huertos,
en tu “camposantue”, en tus landas,
y en la profunda pena
de ver tu población en agonía,
que en mártir te aureola:
¡Para besar tus piedras venerandas
y el “Guernicaco Arbola”!…
¡¡Espéranos, “maite”!!…

Redescubrindo a Antón Zapata en Laxe

$
0
0


(Vídeo: ©José Manuel Casal)

A edición comarcal en Carballo do xornal La Voz de Galicia recolle nun vídeo do fotógrafo José Manuel Casal unha introdución e unhas imaxes da palestra na que falei sobre a biografía e a obra do poeta Antón Zapata García o venres á tarde no Museo do Mar de Laxe, dentro dunhas xornadas do programa «Reláxese», que organizou a Concellería de Hostelería, Comercio e Turismo do Concello de Laxe, e ás que fun convocado polo concelleiro Xosé Manuel Pose e a técnica e guía de turismo medioambiental María José Mato.

A nova, que reproduzo aquí, tamén se pode ler nesta ligazón:

Redescubrindo a Antón Zapata en Laxe

Miro Villar repasou a vida e a obra do poeta

29/04/2017

A figura de Antón Zapata levou onte ata Laxe a un dos maiores coñecedores da vida e da obra do poeta. Miro Villar -na imaxe xunto ao concelleiro Xosé Manuel Pose- relatou o periplo vital do autor laxense, marcado pola emigración, e explicou a fonda pegada que a vila deixou no seu único libro, publicado ademais uns meses despois da súa morte. Ademais, Villar anunciou a próxima edición dunha nova obra cos poemas mariñeiros de Zapata.

A obra poética de Xosé Alexandre Cribeiro

$
0
0

Hai hoxe 22 anos, o 2 de maio de 1995, finou o poeta Xosé Alexandre Cribeiro no Hospital Provincial de Pontevedra o 2 de maio de 1995, á idade de 59 anos, despois dunha longa convalecencia e como consecuencia dunha grave enfermidade, que sempre lle ocultou aos seus amigos, sendo soterrado no pontevedrés cemiterio de San Mauro. A finais dese mesmo ano, a revista poética Dorna, dirixida polo seu compañeiro no grupo «Brais Pinto» Ramón Lorenzo, dedícalle un número de homenaxe no que colaboran moitos dos seus amigos e contemporáneos, aos que se unen as promocións máis recentes da poesía galega. Entre os traballos publicados, salienta o poema «Na morte de Xosé Alexandre Cribeiro» de Bernardino Graña, que o poeta arranxaría nunha nova versión publicada en Luz de novembro, A Coruña: Espiral maior, 1997.

Achegueime por vez primeira á súa obra literaria no artigo «Indo pra máis perto da poesía de Cribeiro», publicado na revista Dorna: 21 (USC: 1995. pp. 125-131) que recuperei nesta anotación (12 de marzo de 2012) e que tamén se pode ler na páxina de poesiagalega.org, proxecto do poeta e profesor Arturo Casas e do seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética).

Este traballo levoume a aceptar a proposta do director xeral de Edicións Xerais, Manuel Bragado, para realizar unha edición crítica da súa obra poética para a colección Biblioteca das Letras Galegas que coordinaba na altura Ramón Nicolás. O volume saíu do prelo en 2004 e da súa Introdución reproduzo deseguida unha pequena parte, ao tempo que animo a lembrar a Xosé Alexandre Cribeiro coa lectura dos seus versos.

A OBRA POÉTICA DE XOSÉ ALEXANDRE CRIBEIRO

Indo pra mais perto [1979]

Xénese e historia editorial

Adóitase sinalar sempre que Cribeiro publicou tres libros de poemas, por seren títulos editados en diferentes coleccións e con case vinte anos de diferencia entre cada un deles. En efecto, desde Acoitelado na espera (1960) ata o libro póstumo A señardade no puño (1996), transcorren trinta e seis anos e practicamente no ecuador deste período habería que situar a outra entrega Indo pra máis perto (1979).

Ora ben, en rigor, habería que falar de dous únicos volumes, pois en Indo pra máis perto, que ve a luz na madrileña Akal editor, hai «tres libros de Cribeiro aquí recolleitos», como sinala Ferrín no prólogo. Así, neste volume, reedítase Acoitelado na espera (1960), que estaba esgotado na altura xa que a tiraxe na colección de poesía «Brais Pinto» era de cincocentos exemplares e o grupo cultural tiña trescentos subscritores de seu, polo que os títulos publicados xa desaparecían no primeiro ano. E tamén inclúe outro pequeno poemario, daquela aínda inédito, intitulado Doente na espranza (1962). Xunto a estas dúas obras de mocidade inclúense novos textos co mesmo encabezado que o volume. Outros poemas anteriores, a maioría deles en castelán, son desbotados polo propio autor neste volume que se pode considerar a súa opera omnia ata esa altura.

Indo pra máis perto ábrese cunha breve introducción do propio autor na que informa da data de composición dos poemas, na súa chegada a Madrid.

Penso que o leitor debe saber que istes versos comezáronse a escribir nos anguriantes días dos anos 1956 e 1957. Eran días certamente tensos; pro espranzadores.

A seguir xustifica o feito de dedicarlle o libro aos seus compañeiros de xeración, do grupo «Brais Pinto», nun parágrafo que remata con estas duras e fermosas palabras:

E é que non hai historia máis triste que a dos que nos fumos facendo na posguerra, sen escoitar un tiro; pero sentindo todo o medo informe de sabelos continuada na «paz».

Unha cita poética de Ezra Pound serve para dar inicio a un interesante prólogo, aínda que sobexo politizado e escrito en función das coordenadas da época, da autoría de Méndez Ferrín, no que arremete contra os críticos porque adoitan liquidar o nome de Alexandre Cribeiro cunha mención de esguello cando citan a «Brais Pinto» ou a Celso Emilio Ferreiro. Para o escritor de Vilanova dos Infantes, Cribeiro fixo e publicou poesía política sen influencias e con independencia de Ferreiro, e posúe o mesmo espírito que os «Brais Pinto», nomeadamente pola incorporación de materiais poéticos de literaturas non galegas e pola concepción do oficio de poeta como servidor da radical vivencia interna.

(…)

Artigo en QPC (XXVI): Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

$
0
0

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para (re)lembrar a revista Nemancos (1953-1954), unha anotación que fixo parte do meu relatorio «O mundo literario de Baldomero Cores Trasmonte», nas Xornadas que coordinou o amigo bibliotecario José Ramón Rey Senra en Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte

Hai vinte anos, por volta de 1997, fixen unha análise da revista Nemancos cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Naquela altura traballaba nas fichas do volume II. Publicacións periódicas (Galaxia, 1997) e, a través do antropólogo muxián Manuel Vilar, co que tiña moita amizade, Baldomero Cores Trasmonte fíxome chegar copia dos tres exemplares que publicou a revista Nemancos en 1953 e 1954, unha publicación local que promoveu e dirixiu. As copias dos números 2 e 3 levan unha dedicatoria autógrafa ao escritor e sacerdote Paulino Pedret (1899-1969), que foi académico da RAG, e están depositados no fondo co seu nome na Biblioteca Xeral da USC.

A día de hoxe tamén se pode consultar unha copia en papel no Fondo Local da Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán de Cee, que dirixe José Ramón Rey Senra. (E durante as Xornadas reivindicamos a súa dixitalización dentro do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia)

Actualizo agora con algúns novos datos a ficha que elaborei sobre esta publicación, ao tempo que engado un completo Índice de cada número.

NEMANCOS

“Hacia el Finisterre” era o subtítulo desta publicación que toma a súa cabeceira do arciprestado de Nemancos que, naquela altura, abranguía os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Camariñas, Muxía e parte de Vimianzo, xa que pouco tempo despois a Igrexa faría unha división eclesiástica deste amplo territorio en dous, Nemancos e Duio. Aínda que a revista representaba os intereses da devandita comarca, o certo é que tiña a administración en Santiago e era impresa en Betanzos.

Estaba dirixida por Baldomero Cores Trasmonte nos seus anos de universitario. De feito, o enderezo da publicación (Entremurallas, 9) era onde a súa familia rexentaba un hostal e alí tiña o seu cuarto de estudante. Nunha entrevista que lle fai Xosé Manuel Cambeiro para La Voz de Galicia (1/11/2008) dise que seu pai, revisor dos autocares Guillén que facían o traxecto a Santiago de Compostela, mercou o pequeno hotel Comercio ao que denominou A Nosa Casa, lugar ao que o poeta Aquilino Iglesia Alvariño denominou «consulado xeral do Partido Xudicial de Corcubión» e onde mesmo atoparían refuxio algúns dos fuxidos do Monte Pindo na posguerra.

Unicamente saíron tres números, aínda de que hai constancia de que estaba preparado o cuarto que nunca viu a luz. Os dous primeiros apareceron no ano 1953 e o terceiro e último en 1954. A revista desapareceu por mor das obrigas militares do seu director, desprazado a Ferrol para facer o servizo militar. Oscilaba entre as vintecatro e as vinteoito páxinas, con unha ou dúas para a publicidade. Nelas tiña unha serie de seccións de artigos de defensa local, rumor popular, páxina social, páxinas deportivas ou bibliografía da comarca, sempre co obxectivo de atender os intereses comarcais, para o que dispuña de correspondentes nas principais vilas e tamén en Bos Aires, que recollían as novas das sociedades de emigrantes da zona na capital arxentina. Estaba redactada maioritariamente en castelán, aínda que o galego tamén tiña unha certa presenza, nomeadamente nas páxinas poéticas. No tocante ás colaboracións literarias, mantiña unha sección fixa chamada «Página poética» na que se publican catro poemas en galego de Gonzalo López Abente, un texto de Xosé Fernández Ferreiro e dous de Consuelo Domínguez Rodríguez, que é cualificada como “nuestra rosaliana poetisa sexagenaria”, definición na que hai moito de esaxero. A prosa galega está representada por artigos de diferente temática, con traballo do propio López Abente, Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo e Ramón Costa Suárez, ademais doutros textos en castelán de Aquilino Iglesia Alvariño, Francisco Mayán Fernández e o propio director da revista. Deles, unicamente o artigo de Abente trata un tema literario, pois reproduce fragmentos do seu discurso de ingreso na RAG intitulado «A terra e a poesía de Pondal». Finalmente, na sección reivindicativa “Rumor popular” reclámase, entre outras cousas, que se organicen uns xogos florais na comarca e que se lle faga unha homenaxe ós grandes poetas da zona, Labarte Pose e López Abente.

BIBLIOGRAFÍA Cfr. CC, GEG

Barreiro, X. R., “La revista de Cee”, La Voz de Galicia, 21-X-1995.

SUMARIOS

Nº 1 (1953)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas.
Páxs. 5-6: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores, presenta os obxectivos da revista e a súa vocación comarcal. Ao pé unha foto da Alameda de Cee)
Páx. 7: Viajeros ilustres. Tierras que dan cuerda al narrador. Por Rabanal Álvarez.
Páx. 8: Temas da Mariña. Por Ramón Otero Pedrayo.
Páxs. 9-10: Descubriendo la tierra. Canto al Valle de Lires. Por Manuel Domínguez Rodríguez.
Páxs. 10-11-12: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páxs. 13-14: Defensa local. Sus y a ellos. (Sen asinar, novamente debe ser do propio Baldomero Cores. Con fotografía da Fundación Fernando Blanco que se reivindica para crear un Instituto Laboral)
Páxs. 14-15: Rumor popular. (Sete textos breves sen asinar, catro en galego e tres en castelán, todos eles de carácter reivindicativo)
Páxs. 15-16: Apoliticismo vilán. Por Ramón Costa Suárez. Datado en Buenos Aires (14-02-1953).
Páx. 17: Hay un merlo. Poema de Gonzalo López Abente (Foto do primeiro recheo de Cee, a carón da vella casa do concello)
Páxs. 18-19-20: El mito de una ría. Por Baldomero Cores Trasmonte.
Páxs. 20-21-22: Dinamismo popular. Tipos populares de Corcubión. Por Juan Romero Canosa.
Páxs. 20-21: Página social. (Sen asinar)
Páx. 21. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 22-23-24: Publicidade de establecementos de Cee, Muxía, Zas, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nº 2 (1953)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas. Por primeira vez aparece Baldomero Cores Trasmonte como Director e inclúe unha listaxe de seis colaboradores en diferentes concellos da comarca.
Páxs. 4: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores)
Páx. 5-6-7: Viajeros ilustres. Mugía, santuario célebre. La Costa de la Muerte. Por Victoriano García Martí. (Publícase coa seguinte nota a rodapé: «Por ignorar la dirección accidental de este gran escritor gallego, nos vemos obligados, por su enorme interés para esta tierra, a reproducir estas líneas publicadas en un gran diario hispánico.»)
Páx. 7-8: No confín do noroeste hispánico. Por Salvador Lorenzana.
Páxs. 9-10-11-12: Descubriendo la tierra. El Municipio de Cee. Por Baldomero Cores Trasmonte. (Fotografía da antiga praza do peixe, que nun atentado contra o patrimonio foi derrubada para construír o actual centro social da 3º idade)
Páx. 13-14: Turismo mal dirigido. Por Alfonso García Garea
Páxs. 14-15: Olvido imperdonable. Por Elías Toba Lema.
Páx. 16: Página poética. Por Consuelo Domínguez Rodríguez.
Páx. 17: Pregaria. A oferta. Dous poemas de Gonzalo López Abente (Con nota a rodapé: «Quisiera el poeta publicar esta magnífica poesía en los días de la Barca, pero a NEMANCOS no le fué posible complacerle»)
Páxs. 18-19-20-21: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páxs. 22-23-24: Defensa local. El testamento de Fernando Blanco de Lema. (Sen asinar)
Páx. 25: Rumor popular. (Nove textos breves sen asinar, tres en galego e seis en castelán, todos eles de carácter reivindicativo. Fotografía da rúa Fernando Blanco, hoxe parte da súa avenida)
Páxs. 26-27: Página social. (Sen asinar)
Páx. 27. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 28: Publicidade de establecementos de Cee, Santiago de Compostela e A Coruña.

Nº 3 (1954)

Páx. 3: Índice de colaboracións literarias, fotografías, colaboracións económicas. Baldomero Cores Trasmonte como Director e inclúe unha listaxe de dez colaboradores en diferentes concellos da comarca e o poeta Gervasio Paz Lestón como colaborador desde Buenos Aires. Nas colaboracións gráficas Ventura Cores Trasmonte, debuxo, e La Noche, fotografía)
Páxs. 4-5: Editorial. (Sen asinar, a autoría debe ser do propio Baldomero Cores)
Páxs. 5-6: Viajeros ilustres. Mis recuerdos de Cée, Corcubión y Finisterre. Por Paulino Pedret Casado.
Páx.6-7: Nemancos por testigo. Por Aquilino Iglesia Alvariño.
Páxs. 7-8: As sardiñas. Por Ben-Cho-Shey.
Páxs. 8-9-10-11: Descubriendo la Tierra. Do corruncho finisterrán. Cabos e piñeiros. Por Gonzalo López Abente. (No remate do artigo abentiano un debuxo do escudo de Corcubión coa seguinte nota a rodapé: «Las armas del escudo y la enseña hablan de su historia. El mar nos dice de una perenne dedicación. El mar y la historia siempre unidos»)
Páx. 12-13-14: Bibliografía referente a Nemancos. Por Baldomero Cores Trasmonte. (Realiza unha ampla listaxe de autores e publicacións con referencias a asuntos e temas comarcais)
Páxs. 15-16-17-18-19-20-21-22-23: La ría de Corcubión y tierra de Nemancos (Una desconocida comarca natural). Por Francisco Mayán Fernández. (continuará)
Páx. 24: Para los de Finisterre en América. Por Plácido Lizancos Santos.
Páx. 25: Defensa local. Senande aun no es Senande. Por Ángel M. Quintáns Bouza. (Fotografía de Corcubión)
Páx. 26: Página poética. Por Consuelo Domínguez Rodríguez.
Páx. 27: Vento mareiro. Poema de Xoxé (sic) Fernández Ferreiro (Datado: Nas miñas terras altas de Ramuin, 1953). Nocturno en aguas. Poema en castelán de Juan Pernas Leira.
Páx. 28: Rumor popular. (Fotografía da igrexa de Corcubión)
Páxs. 29-30: Página social. (Sen asinar)
Páx. 31. Página deportiva. (Sen asinar)
Páxs. 32: Publicidade de establecementos de Cee, Santiago de Compostela, A Coruña e Madrid.

«O Pico Sacro, un volcán de palabras», recensión no dixital Letra en Obras

$
0
0

A redacción do xornal dixital cultural e literario Letra en Obras asina unha recensión sen asinar da antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora. Velaquí:

O Pico Sacro, un volcán de palabras

Por Redacción 15/05/2017

Dende principios deste mes de maio está nas librarías un libro moi singular: Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda. A obra, que está coordinada polos profesores e escritores Xosé Manuel Lobato e Miro Villar, é unha escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea referentes a este espazo mítico emprazado no concello de Boqueixón (Comarca de Compostela). O resultado é un coidado volume editado por Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, un Pico Sacro convertido nun incesante volcán de palabras.

Nun inxente traballo de documentación e escolma, Lobato e Villar recuperan textos xa editados de Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Manuel Murguía, Vicente Risco, Álvaro de las Casas, Carré Alvarellos, Antón Zapata, Manuel María, Suso de Toro, Carmen Blanco, María Solar, e un longuísimo etcétera. Na segunda parte do libro hai espazo para novos textos sobre o Pico Sacro que aínda non viran a luz e que son autoría, entre moitos outros, de: Cabeza Quiles, Marta Dacosta, Rosalía Fdez. Rial, Alexandre Nerium, Emma Pedreira, Heitor Picallo ou Helena Villar Janeiro.

Quizais a contracapa do libro é a mellor declaración de intencións do que pretende e consegue este volume no que se recollen textos de noventa autores e autoras:

Se hai un cumio ou monte mítico, simbólico e histórico a un tempo, en Galicia, este é o Pico Sacro. Elévase garboso ao leste de Compostela, no Concello de Boqueixón, a 533 metros de altitude. Este libro reúne a obra de noventa autores e autoras arredor desta cima única. Unha edición ao coidado de Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, responsables dun traballo pioneiro: recompilaron textos clásicos, históricos —algúns ben coñecidos, outros moi pouco divulgados ata hoxe— e puxéronos a dialogar con novas composicións, inéditas, de autores e autoras actuais.

Dende o Rexurdimento ata os nosos días, o Pico Sacro foi constante invocación literaria, e esta obra é a proba evidente. Poemas, relatos, ensaios, crónicas xornalísticas, ata contos infantís…“Historia e ficción mestúranse aquí nun binomio inseparable”, sinalan os artífices desta convocatoria. Subamos pois ao Pico Sacro. E academos, dende Galicia, o universo enteiro. Un universo escrito que se desprega en cada unha destas páxinas.

Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda, unha recensión de X. Ricardo Losada en Café Barbantia

$
0
0

Café Barbantia, o café virtual artístico, cultural e literario nacido da man da asociación cultural Barbantia, que xunta a creadores/as da comarca da Barbanza, vén de publicar unha recensión que asina X. Ricardo Losada da antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora.

Velaquí a recensión, que tamén se pode ler nesta ligazón:

Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda

Publicado o 14 Maio, 2017

X. Ricardo Losada

En 1876 Valentín Lamas Carvajal escribiu que o Pico Sacro era un monte xigante que erguía a cabeza ata os ceos  “ond´a alfombra de Dios estás sostendo”. Tamén consideraba que era o “eterno gardador, vixia forte d´a nosa terra”. En xuño de 2016 Ramón Vilar Landeira escribiu que os sábados e os domingos gustáballe facer o amor á sombra do Pico Sacro mentres Van Morrison cantaba Brown eyed girl na radiocasete do coche. Son dous dos textos que aparecen no libro Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda que a editorial Alvarellos acaba de publicar con gran esmero e coidado. Máis de cen variados e fermosos textos, éditos e inéditos, en prosa ou en verso, escritos durante cento cincuenta anos de miradas literarias a un monte que, como din no  limiar os encargados da edición, é unha das paisaxes máis relevantes e simbólicas de Galicia, ”quer como paisaxe, quer como alegoría ou representación da nosa identidade histórica”.

Como non podía ser doutro xeito, o libro fai unha referencia explícita (sen cometer o erro de convertelo nun acontecemento central) á excursión que Castelao fixo ao Pico Sacro en xullo de 1924. E así, creo eu, debe lerse este libro. Como unha excursión literaria. Home libre, sempre quererás o Pico Sacro, que diría Baudelaire, esa foi a sensación que eu tiven ao lelo como considero que debe lerse, de forma espontánea e festiva, intentando captar a personalidade múltiple deste monte sagrado e fervello tal e como captamos a personalidade múltiple da catedral de Rouen pintada a diferentes horas do día ou en diferentes estacións e condicións climatolóxicas ou por diferentes pintores. O Pico Sacro aparece así como un castro, un culto pagán, unha lús alboradeira, unha ara do fusco lusco, paraxe de deuses e feridos heroes, o lugar onde soñamos a Terra Nosa aínda máis Nosa, o miradoiro desde onde observar o alborexar tras unha noite de estudo, a illa principal no arquipélago dos cumios, a horta da raíña Lupa, o fogar dos devotos de San Sebastián, o misterioso Mons Sacer de Justino, un monte que camiña, a pista de baile das bolboretas, un guerreiro da historia, o escenario dun crime ou das andanzas do demo, un cono volcánico e lanzal na planicie que leva a Compostela, o pico que miradas máis antigas chamaban Ilicinio, e moitas outras personalidades que multiplicamos cada vez que lemos ou relemos un novo texto.

Perdoaranme os numerosos autores que non os cite. Ao fin e ao cabo, nun libro coma este, cun protagonista xeolóxico e mítico, poético e prosaico, inmaculado e violado, ateo e relixioso, comprometido e ensimesmado, local e universal, o de menos debera ser a autoría humana, incluso estando presentes autores de gran relevancia na literatura galega. Só os editores literarios, Miro Villar e Xosé Manuel Lobato, merecen un recoñecemento explícito, o recoñecemento dun acto bo e xeneroso. Un país que trata un monte como o Pico Sacro co amor que revela este libro é, sen dúbida, un país mellor.


Poemas (LXXXIX): «Dame tu mano», de Claribel Alegría

$
0
0


Á poeta nicaragüano-salvadoreña (pois ela propia reclama ser dos dous países) Claribel Alegría vén de serlle outorgado o Premio de Poesía «Reina Sofía» e nesta anotación quixera lembrar o primeiro libro da súa autoría ao que me acheguei como lector. Foi o poemario intitulado Saudade, publicado por Visor en 1999. A esa lectura seguiron outras da súa dilatada obra, como o magnífico Otredad (Visor, 2011), porén sempre voltei a aquela Saudade, mesmo uns versos do poema «Dame tu mano» serviron de inspiración e pórtico para un texto de meu.

Trátase do poema 28 intitulado «O cárcere», que fai parte do libro As crebas (Espiral Maior, 2011), merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral». Reproduzo deseguida este texto e previamente o poema de Claribel Alegría co que dialoga. Velaquí:

DAME TU MANO

“Hoy me gusta la vida mucho menos pero siempre me gusta vivir”…

César Vallejo

Dame tu mano
amor
no dejes que me hunda en la tristeza
Ya mi cuerpo aprendió
el dolor de tu ausencia
y a pesar de los golpes quiere seguir viviendo. No te alejes
amor
encuéntrame en el sueño defiende tu memoria
mi memoria de ti
que no quiero extraviar. Somos la voz
y el eco
el espejo
y el rostro
dame tu mano
espera
debo ajustar mi tiempo hasta alcanzarte.

CLARIBEL ALEGRÍA

28

O cárcere

dame tu mano
espera
debo ajustar mi cuerpo
hasta alcanzarte

«Dame tu mano», Saudade (1999), CLARIBEL ALEGRÍA

Máncaste como o Sol de febreiro dá en Gures e sentes o abandono na pel de Caneliñas, un lugar de cetáceos, confín da desmemoria que proe nos sentidos con reverberación.

Pensas de xeito inútil qué axustes no teu corpo son precisos agora no leito das baleas para non percibires arpóns cheos de dúbidas a desangraren lentos os solpores do inverno.

E soñas co panóptico dun cárcere distante, non é Reading, son outras as baladas e o canto fala de liberdade, sutil antimonía, e comungas cos presos os motivos da culpa, todos tan diferentes como as mans que descobres, semellantes ás túas no afán inaprensible.

As crebas (Espiral Maior, 2011)

Por último, engado un video promocional publicado o 25 de maio de 2016 pola Secretaría de Cultura de la Presidencia do Goberno de El Salvador co título «Escritora del mes de mayo: Claribel Alegría» onde se sinala que teñen «el honor de presentar a una de las grandes escritoras salvadoreñas: Claribel Alegría», malia a súa orixe nicaragüana.

Artigo en QPC (XXVII): «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche»

$
0
0



[Fragmento do artigo «Leyendo a los buenos» (04/07/1953), onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas, e «La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953)]

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para falar sobre «Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche», unha anotación que tamén fixo parte do meu relatorio «O mundo literario de Baldomero Cores Trasmonte», nas Xornadas que coordinou o amigo bibliotecario José Ramón Rey Senra en Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche

Entre os anos 1946 e 1967 publicouse en Santiago de Compostela o diario vespertino La Noche, que durante un breve período (de outubro de 1949 a xaneiro de 1950) tivo un dos mellores suplementos semanais na historia da prensa galega. De preponderancia literaria, aínda que abríndose a outras temáticas relacionadas cos intereses da sociedade galega, chamouse La Noche. Suplemento del sábado e a súa dirección e coordinación estivo nas mans de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego) e de Santiago Fernández (pseudónimo de Xaime Isla Couto), dous homes que habían ser fundamentais na fundación da Editorial Galaxia o 25 de xullo de 1950.

Na reprodución de La Noche. Suplemento del sábado (Edición facsímile do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: 1996), Baldomero Cores Trasmonte asina, co título «A codificación da galeguidade en anos difíciles (1949-1950)», unha excelente crónica do mundo cultural e literario dos anos cincuenta, de lectura imprescindible para coñecermos que non todo era un ermo no ecuador do franquismo e que o galeguismo estaba a rearmarse desde as trincheiras culturais.

Baldomero Cores era moi novo, aínda estudante, e a súa sinatura non aparece no Suplemento, mais foi un asiduo colaborador do diario vespertino La Noche, onde publicou varios artigos de temática diversa, de feito o primeiro que localizamos versa sobre un tema deportivo «Juego duro y su represión» (28/03/1953), que analiza desde o punto de vista legal. Entre os artigos, alén dos de música, de arquitectura (Salamanca, Alacante…) ou dos de arte que lle dedica a pintores como Maside, no que atinxe ao mundo cultural e literario cómpre salientar:

«Biografía perenne» (11/04/1953) centrado nas biografías de Zweig aborda as dificultades do xénero.

«Rodembach y Viqueira» (30/05/1953) de interese por relacionar a poética do simbolista francés Georges Rodenbach e do galego Xohán Vicente Viqueira, filósofo e pedagogo a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1974, e do que falará en posteriores traballos como nun amplo artigo publicado no Xornal electrónico da USC, no que tamén hai referencias a unha moi pouco coñecida revista de vida efémera que dirixiu denominada Atenea.

«Leyendo a los buenos» (04/07/1953), unha recensión de Anilina e Átomo, dúas obras de Karl Aloys Schenzinger, onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas.

«En torno a “Mujeres Soñadas”. Genio e ingenio de René Clair» (10/07/1953),unha análise da mentada obra do cineasta e escritor francés, cuxo título orixinal era Les belles de nuit.

«La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953).

«”Filosofía de la existencia”. Un libro revelador» (27/11/1954), recensión da obra do filósofo alemán Otto F. Bollnow.

«Envío supersónico» (03/03/1954), sobre a película La barrera del sonido (The sound barrier), dirixida por David Lean e producida por A. Korda.

«Del libro al hombre» (27/03/1954), centrado no mundo das bibliotecas e dos bibliotecarios.

«Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), onde para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos.

«Gestación de un arte visual» (10/06/1954), sobre a primeira película en cor de Jean Renoir El río (The river), que relata un drama dunha moza inglesa nunha India aínda colonial.

«Radiografía de la tienda» (06/09/1954), describe a curiosa tenda zamorana que denominan «O Pazo da Saudade» e bota man dos versos de Rosalía de Castro.

«Sociología de la elocuencia. I. El discurso» (07/04/1955) e «Sociología de la elocuencia. I. La conferencia» (15/04/1955), que dedica a dous magníficos oradores, Ramón Otero Pedrayo e Domingos García-Sabell.

«Influencia de Concepción Arenal sobre la Pardo Bazán. Posibilidad de una ciencia galaica» (16/03/1956) ou «El ensayo de Concepción Arenal» (24/11/1956).

«”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957), unha recensión da mentada obra de Fernández Oxea, onde Baldomero Cores reivindica os estudos de Esmorís Recamán. Hai unha interesante resposta de Juan Romero un mes e medio despois (24/04/1957) sobre San Marcos de Corcubión (cita o médico de Toba Juan López Bermúdez).

«Homenajes sentimentales y homenajes prácticos» (19/04/1957), unha crítica sobre a realización dalgunhas homenaxes literarias, con especial mención a Rosalía de Castro.

«La Costa de la Muerte en el Arte» (20/07/1957), onde analiza os cadros de Garabal (Manuel López Garabal) e de Concha Vázquez. Garabal era colaborador tamén do Suplemento e no nº 8 (sábado, 3 de decembro de 1949) publica «Mozas de Fisterra» (Ilustración e texto).

Tamén é de sumo interese outro moito máis breve, co epígrafe «Incunables futuristas», no que reivindica a publicación dun libro inédito de Juan Pernas Leira, do que sinala que publicou os seus primeiros poemas en castelán precisamente en Nemancos e os primeiros en galego na revista Vamos. Artigo no que fala da poesía de Rosalía, de López Abente ou dos “vangardistas” Manuel Antonio e Amado Carballo. (31-12-1953)

Nos anos posteriores, por circunstancias biográficas, a súa feraz colaboración con La Noche vaise facer máis esporádica, porén quixera rematar coa lembranza do seu artigo «La poesía y el mar» (29.09.1963), no que cita a presenza do mar en escritores de diferentes épocas, desde Martín Códax até Amado Carballo ou Manuel Antonio. Nun parágrafo cita os nosos poetas entre os autores que refliten nos seus versos a Costa da Morte:

La Costa de la Muerte, que tiene poca novelística, posee, en cambio, una gran aportación poética. Pondal nos da una versión muy sugerente del mar en la parte septentrional de la Costa de la Muerte. Antón García Zapata [sic], un poco más abajo, también insiste en lo mismo, pero con un sentido marinero más amplio, por lo que convendría reconocer con mucho cuidado la presencia de este magnífico y sutil poeta. Y ya en pleno corazón de la Costa de la Muerte, entre Vilán y Finisterre, está López Abente, el mejor cantor del mar gallego.

[Fragmento do artigo «Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), onde para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos e «”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957)]

O soneto «Es doce como o soño degolado…», de Ausencias pretéritas (1992), nun video-poema de Fernando González

$
0
0

A profesora de lingua e literatura galega Gracia Santorum (creadora dese imprescindible blogue Trafegando ronseis do que tanto aprendemos) continúa a traballar a poesía co seu alumnado do IES Pintor Laxeiro (Lalín) con diversas estratexias e desta volta coa realización de video-poemas.

Un dos alumnos, Fernando González, a quen parabenizamos polo seu traballo, focalizou a súa video creación no meu soneto «Es doce como o soño degolado…», de Ausencias pretéritas (1992), que tamén figura compilado no volume intitulado Poetízate, unha antoloxía dirixida á mocidade, editado polo escritor Fran Alonso, vello amigo e compañeiro de proxectos como as Edicións do Dragón (xunto ao chorado Paco Souto), que publicou Xerais no 2006, e que tiña entre os seus obxectivos rachar cos prexuízos sobre este xénero literario, promovendo a súa lectura coma un acto de rebeldía e transgresión. Malia que nesa video creación de Fernando González a lectura non completa o texto trátase dunha proposta ben interesante.

Por parte, como xa comentamos nesta anotación de 2011, o corpus de Poetízate percorre toda a poesía galega desde Rosalía de Castro até a actualidade e consta de arredor de 200 poemas seleccionados de perto de 80 autoras e autores.

Nesa escolla Fran Alonso tivo a ben (cousa que lle agradezo inmenso) incluír tres poemas meus que non teñen título e que na antoloxía van citados polo primeiro verso: «Es doce como o soño degolado…» de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992) e os poemas das letras O e I, nesa orde, de Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997). Na «Visita guiada» do final propón unha serie de actividades sobre todos os textos e sobre os da miña autoría sinala:

«E, a continuación, como contraste, veñen as formas clásicas de Miro Villar, un autor que escribe sonetos con frecuencia e habilidade (como o da páxina 157). […] O soneto é, se cadra, a única forma métrica que hoxe sobrevive con enerxía. Os tres poemas de Miro Villar son de amor (páxinas 157-161). ¿Que che parecen?»

Velaquí os tres poemas escolmados en Poetízate, o primeiro deles obxecto da video creación:

X
Es doce como o soño degolado,
doce folla de aceiro dun coitelo,
doce como a nudez do carambelo,
doce sangue vermello derramado.
Es doce como o verso encabalgado,
doce palabra libre e pesadelo,
doce como ese son do violonchelo,
doce canto, barítono do agrado.
Es doce como a noite pequerrecha,
doce casa común, tobo futuro,
doce como asubío dunha frecha,
doce zume, morango ben maduro,
doce como o sendeiro dunha crecha,
doce exaculación a ben seguro.

I
Mira, amor, lo que no te puedo decir con las palabras,
que la noche se pone del color de tus ojos
cuando tú no estás, cuando no está tu mano
y las palabras huyen como largos escalofríos
enardeciendo el fervoroso espíritu de las piedras.
José INFANTE.

X
amada, labro versos para ti sen sosego,
amada, labro a modo na terra máis florida,
amada, labro e rellas de brazos debilitan,
amada, labro morno nos máis cálidos peitos,
amada, labro versos para ti e non revelo.
amada, soño noites contigo entre os tecidos,
amada, soño sabas no amor máis conturbado,
amada, soño lenzos de brancos resplandores,
amada, soño teas no algodón dos teus ollos,
amada, soño noites contigo e logo escribo.
amada, temo días sen ti no meu camiño,
amada, temo agora, no intre máis pavoroso,
amada, temo as horas do corazón en grixos,
amada, temo sempre, nos momentos máis tristes,
amada, temo días sen ti como un feitizo.
amada, bebo viños por ti no esquecemento,
amada, bebo acaso nos vasos máis coitados,
amada, bebo a grolos a soidade dos mares,
amada, bebo seica no olvido máis amargo,
amada, bebo viños por ti que non desprezo.
amada, digo o nome de ti nesta palabra,
amada, digo a penas na voz máis embebida,
amada, digo e beixos foxen desafinados,
amada, digo lento nos labios máis propicios,
amada, digo o nome de ti como se nada.

O
O desespero
e o pudim de maçã. Uma comida
amarga como o amor.
José Alberto OLIVEIRA.

XVI
como algodón (o corpo) no contacto esponxoso,
como hedras (os cabelos) perenne enredadeira,
como ananás (os ollos) mollados en azucre,
como vimbio (o nariz) que trema no olfacto,
como hidras (as orellas) de tentáculos negros,
como tabaco (a boca) penetrante arrecendo,
como amoras (os labios) docísimo veneno,
como escarola (a lingua) de refinado prato,
como café (o pescozo) no sorbo delicado,
como xarxas (os brazos) de longo percorrido,
como aguacate (os dedos) de insípido xuízo,
como arroz (os mamilos) exquisito alimento,
como mazás (os peitos) reinetas grosas, duras,
como azafrán (o embigo) condimento escondido,
como sargazo (o pube) dos teus cálidos mares,
como níscalo (a vulva) de sabores estraños,
como acevros (as pernas) de brancos interiores,
como buxo (os xeonllos) de compacta dureza,
como rosas (as nádegas) de pálidas colores,
como vainilla (a pel) no beixo despacioso,
como amanita (a dor) phaloides da ausencia,
como cacto (o olvido) de espiñentas palabras,
como cizaña (as bágoas) da dor e da amargura,
como beladona (ti) de durmente memoria,
como saramago (eu) na desolación grave.

(Portadas da 1ª e da 14ª edición)

Documentario «XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral»

$
0
0

Días atrás realizouse a presentación pública do documentario «XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral», que desde o 31 de maio está dispoñibilizado na rede a través da canle de youtube do propio certame literario (https://youtu.be/2wVp1xkzVoM)

O seu coordinador, Carlos Lorenzo Pérez, é o autor do guión, realizado por Xosé Bocixa Rei. En pouco máis de media hora o documentario sobre os primeiros XX anos do Premio de Poesía Concello de Carral realízase un repaso sobre as motivacións do seu nacemento, como se organiza, a súa evolución e a súa consolidación no panorama literario galego, alén das propias experiencias dos autores e autoras que obtiveron o premio nestas dúas décadas (1997-2017), entre os que me atopo por ser gañador co meu libro intitulado As crebas.

Por orde de aparición, intervimos no documentario José Luis Fernández Mouriño, Lois Anxo Ferreiro, Carlos Lorenzo Pérez, Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio L. Valcárcel, Luciano Rodríguez, Teresa Seara, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas, Armando Requeixo, Fernando Díaz-Castroverde, Rafael Lema, Rafa Villar, Lucía Novas, Baldo Ramos, Eduardo Estévez, Xurxo Alonso, Marcos Calveiro, Isidro Novo, Xosé Luís Mosquera Camba, Eli Ríos, Paulino Peña Álvarez, Miro Villar, Dores Tembrás, Oriana Méndez, Eva Veiga, Modesto Fraga e Emma Pedreira. Das e dos poetas recóllese ademais a lectura dun pequeno fragmento dos seus textos premiados.

Moitos parabéns por tan ben elaborada e fermosa iniciativa.

Por este video promocional van aparecendo todos os libros gañadores até hoxe, que tamén figuran nunha exposiciónfotográfica de gran formato nas rúas da vila de Carral.

Gañadores/as:
2017: Xosé Luis Mosquera Camba, Das árbores tropicais e do amor.
2016: Modesto FragaDevalar sen pel.
2015: Eva VeigaSoño e vértice.
2014: Oriana MéndezO que precede a caída é branco.
2013: Dores TembrásCronoloxía da urxencia.
2012: Roi VidalTeatro.
2011: Emma PedreiraLibro das mentiras.
2010: Miro VillarAs crebas.
2009: Eli RíosNós escoitando o badalo de marienplatz.
2008: Paulino Peña ÁlvarezGramática da afirmación.
2007: Xosé Luis Mosquera CambaNadja c’est moi.
2006: Isidro NovoEsteiro de noites falecidas.
2005: Marcos S. CalveiroCartas do terceiro día.
2004: Xurxo AlonsoBreviario de Aldemunde.
2003: Sen convocatoria.
2002: Eduardo EstévezDerrotas.
2001: Baldo RamosA árbore da cegueira.
2000: Lucía NovasEpiderme de estío.
1999: Rafa VillarDías de Sherezade.
1998: Rafael LemaAtlántica.
1997: Fernando Díaz-Castroverde, Camiño de píntegas.

Artigo en QPC (XXVIII): «Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García»

$
0
0

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar o aniversario dun dos nosos sobranceiros poetas da Costa da Morte co artigo intitulado «Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García

Tal día coma onte, o 20 de xuño de 1953, o poeta Antón Zapata García fina en Bos Aires á idade de 67 anos, malia que a acta de defunción indica que o óbito se produciu o día 21. En sinalar o día anterior coinciden os xornais máis importantes da diáspora galega. De feito, Galicia e Opinión Gallega, publican cadansúa nota necrolóxica. (Cfr. «Antonio Zapata García, ha fallecido», Galicia, nº 1204, Bos Aires, 22 de xuño de 1953, e «Falleció Zapata García», Opinión Gallega, nº 141, Bos Aires, xuño de 1953). No seu breve artigo o voceiro da Federación de Sociedades Gallegas sinala:

Ya en prensa nuestro periódico, nos llega la infausta noticia de que un gran poeta gallego, Don Antonio Zapata García, acaba de fallecer.
Con este gran señor de la rima galaica, pierde Galicia a uno de su más reacios y positivos valores y la colectividad gallega, al máximo representante de su idioma vernáculo y al más apasionado y fiel poseedor de los misteriosos secretos que encierra el mar, que en páginas magistrales nos fué dando a conocer a través del siempre invalorable tesoro de sus versos, con la inspiración y la maestría que su cultivado y excepcional estro era capaz, invariablemente animado por la obsesionante esperanza de tornar un día al inolvidable Lage de sus ensueños y de sus ansias, al que supo cantar enjundiosas e imperecederas rimas.
Cuando se llegue a valorar en su exacta y justa valía la obra de este excepcional poeta gallego, no cabe la menor duda de que los inspirados versos de este delicado captador de hondas emociones, llamado Antonio Zapata García, constituirán los versos de cabecera para los espíritus gallegos de selección.
Nuestro exquisito gran poeta falleció a los sesenta y siete años, habiendo llegado a la Argentina a los dieciseis, en el año 1903. GALICIA, que honró sus columnas con sus trabajos de excepción en múltiples ocasiones, comparte el dolor de su señora esposa y el de su hija, en esta encrucijada en la que el destino pone aprueba los espíritus privilegiados.

A nota de Opinión Gallega é moito máis breve, pois se trata dun apuntamento de urxencia para informar do seu pasamento, testemuñarlle o pesar da redacción do periódico aos familiares do poeta «dejando para el próximo número el dedicarle el comentario que merece el recio cantor del tempetuoso mar de nuestro Finisterre». En efecto, no número do mes seguinte (Cfr. «Antón Zapata García. Poeta e patriota galego», Opinión Gallega, nº 142, Bos Aires, xullo de 1953), insírese o artigo «Antón Zapata García. Poeta e patriota galego», que reproducimos polo seu interese:

No derradeiro número non tivemos tempo, mais que de dar a noticia escueta do pasamento de Zapata García ocurrido o 20 do pasado Xuño nista capital. Hoxe queremos adicar unha afervoada lembranza a quen soupo honrar a Terra nai no decorrer de longos anos de emigrante.
Era un rapaz, cando respondendo co misterioso sino do noso povo, deixou seus eidos bergantiñáns pra emigrar a estas promisoras terras arxentinas. Eiquí chegóu no ano 1903 ¡Eiquí viveu en permañente solidaridade espritual coa patria Galiza! Medio século de permañente devoción as esencias máis puras da galeguidade; cincoenta anos a vivir en afervoamento patriótico galego, e cantar ao mare galego, as penedías da costa da Morte, a heroicidade do noso mariñeiro; tuda unha vida coa ialma alcendida de arelas galeguistas alumiñadas pola saudade. ¡Sempre vivindo co esprítu na Terra e sen endexamáis voltar a ela!
Raro exemprar humán era Zapata García. Rexo e fosco no esterno, duro no falar e no tratar; i en troques no interno, tiña ialma de neno e morno i enxel curazón de poeta. Non chegou a ollar cumprido seu anceo de recoller nun libro sua abondosa produzón poética, moita dela espallada en revistas e xornaes, e moita inda inédita. Morreu no intre en que se propuña pubricar unha escolma da sua poemática. Ben será que elo se realice, pois a poesía de Zapata García costituye unha singular faceta das nosas letras.
Zapata García militou nas fileiras dos que, no seo da nosa coleitividade, loitaron pol-os direitos e pola redenzón da patria Galiza. Tamén traballou a prol da outa cultura galega: foi un dos fundadores do orgaísmo que eiquí acadaba fondos pra o Seminario de Estudos Galegos de Compostela até que ficou suprimido pola barbarie falanxista.
¡Un irmán galego máis que deixa sua carne e seus osos en terra allea; que morre lonxe dos eidos onde foi nado! Endeben, seu espritu terá voado a ficar por sempre antre os estrondos da rexa maruxada finesterrán, que il amou e cantou.

Canda estas necrolóxicas aparece un epicedio escrito polo poeta Xervasio Paz Lestón, muxián, que mantiña unha boa amizade con Zapata, co que coincidía nas actividades da ABC de Corcubión. Precisamente, o poema foi publicado na revista da entidade (Cfr. Alborada, nº 157, Bos Aires, xuño a setembro de 1953.) da que Paz Lestón era director nesa altura. O texto aparece datado polo autor o día «20-6-1953», corroborando novamente a data do falecemento, e leva por título Campana da Berenguela, ao que se lle engade a lenda «Á memoria do poeta irmán Antón Zapata García, caído na expatriación».

Campana secular da Berenguela
que espallastes, un día, ledo son
dende a insiñe e petrucia Compostela,
pra Galicia ideal da emigración.

Por quen tiña na fronte luz de estrela
e no bico a dozor de unha canción
xurdida do seu peito en sagra arela,
toca agora o dobrar de unha oración.

Dobra pol-o cantor da patria escrava
abatido pra sempre en terra extrana
suidoso do seu mare laxeirán.

Preside o funeral que a costa brava
cantará coa ribeira i a montana,
concertados do vento galicián.

Tamén se publicaron senllos artigos necrolóxicos en A Nosa Terra e Alborada, da autoría de Lito López e de Eliseo Alonso. O primeiro era un dos recitadores de máis sona na colectividade galega e a miúdo escollera poemas de Zapata para a súa declamación, mentres que o segundo chegara a Bos Aires no ano 1950 e alí fundou (con Xosé Conde e Teodoro Campos) e dirixiu a editorial e a revista Mundo gallego, onde se publicaron colaboracións de moitos autores da emigración e do exilio, tanto do interior coma do exterior, entre elas varios poemas de Zapata.

Mentres o artigo de Lito López, intitulado sinxelamente «Antón Zapata García» (Cfr. A Nosa Terra, nº 484, Bos Aires, agosto de 1953), está escrito nunha evocadora prosa poética e non ofrece datos de interese sobre a súa obra, o artigo de Eliseo Alonso profundiza moito máis, sen deixar de lado a evocación lírica. O seu título «Zapata García, poeta do mar» (Cfr. Alborada, nº 157, xuño a setembro de 1953) xa avanza a intencionalidade de pescudar no estro poético e, de feito, salienta precisamente a presenza dos elementos mariñeiros na súa poética, así como a importancia da lembranza da vila natal do noso poeta, Laxe. Velaquí un parágrafo significativo:

Outras vegadas, ó verso de Antón Zapata García chega manseliño coma as ondas bicando as amuras das traiñas ancoradas nas loiras areas da sua Laxe nadal:

Bigarros e volutas, estrombos, caracolas,
deixaron as mareas cantando barcarolas…

Mais a maioría dos seus poemas son rexos, ten bruares de trebón e traxedias de labouras pesqueiras, envolveitas nun antergo sabor mariñán de lêndas idas.

Porén, a afirmación que máis chama a atención no texto de Eliseo Alonso é cando fai unha velada referencia aos problemas que tivo Antón Zapata García cunha parte da colectividade galega:

Ningún galego pode falar de retornos definitivos. Máis si a miña dorna me leva aos seus mares do Sur, aló voltarei a vivir a poesía mariñán de Zapata García, un tanto incomprendido e magoado en Buenos Aires pol-a broza da nosa coleitividade.

Meses despois do pasamento, en 1954 publícase o seu único libro A Roseira da Soidade, cun prólogo de Ramón Otero Pedrayo, feito a pedimento do editor Manuel Roel Longueira, un texto que se vira obrigado a refacer ao coñecer a morte do poeta e ao que pón remate no mes de nadal de 1953. O debuxo da portada é da autoría do seu sobriño, o pintor Manuel Abelenda Zapata.

(Copia da acta de defunción de Antón Zapata García no «Registro Civil da Municipalidad de Buenos Aires», facilitada polo chorado amigo, doutor Juan Gervasio Paz, fillo do poeta muxián Xervasio Paz Lestón)

Viewing all 307 articles
Browse latest View live